jueves, 17 de abril de 2014

Astarot: Mais de trinta anos dando caña

Post sobre este estupendo grupo de rock que leva mais de tres décadas traballando.
@xmlema


Fundáronse o ano que eu fixen a primeira comuñón e polo tanto xa choveu. Tres décadas ceibando decibelios e rock potente, sen renderse. En Galicia tamén fervían as guitarras eléctricas. En Cangas ardíalle o eixo, o carro e todo o que se puxera por diante.Os que medramos na canteira do Heavy-metal acreditamos esa paixón romántica que non che permite mirar atrás.


Pero foi no 1996, cando eu comecei a saber deles. Porque escoltaban a voz fonda da terra e recuperan versos poderosos da cultura galega. “Airiños, airiños, aires” xa fora  trasladada a modernidade polos Tamara, pero Astarot puxo en clave de rock esta e outras cancións do país.


E seguiron polo sendeiro da música, con acenos continuos aos nosos poetas e guieiros espirituais. E aínda están vivos e desbordando enerxía. O seu disco “Séptimo Pecado” é unha mostra do bo facer desta banda liderada por Carlos Gandón.Xunto con cancións máis e menos rockeiras, volven as versións de “clásicos” galegos como o “ Xirarei” que compuxo Juan Pardo e popularizou Xil Ríos e “o tren” de Andrés do Barro.


En definitiva, Astarot están como nome propio na galería da cultura galega, porque o rock é cultura, non o esquezamos, e estes guerrilleiros sonoros do sur levan máis de trinta anos dando caña. E os que lle quedan.


PD)Podes escoitar a entrevista que lle fixen a Carlos Gandón de Astarot na portada deste mesmo blog.


No hay comentarios:

Publicar un comentario