Xulio López Valcárcel é prologuista do meu libro. E unha fotografía de Eduardo Touriñán irá como portada.
Estou moi contento sabendo que un dos meus poetas favoritos en língua galega e tamén amigo, Xulio López Valcárcel vai a facer o prólogo para o meu libro “Cartafol de néboas”, o que me fai moita ilusión. Por certo, acabo de recibir un libro seu publicado en Laiovento chamado “Miguel González Garcés, mineiro de luz”, que pronto comezarei a ler, cando remate con “Once minutos” de Paulo Coelho.
Tamén xa temos foto para a portada. Eliximos unha paisaxe da Terra de Soneira captada por Eduardo Touriñán (As dúas fotos deste artigo tamén son del). Podes ver as súas creacións no seguinte enlace: http://www.flickr.com/photos/photoury/
E así lles mando unha aperta moi agradecida tanto a Eduardo como a Xulio, e recupero un poema de Valcárcel que me encanta.
SE ENVELLECEMOS XUNTOS
Se subo ata o teu berce
e me remonto polos anos
son neno contigo en celestes
mañás de balanzos e sinos,
préndome ao voo da túa saia
e esperto ao amor
nun mencer cheo de alas.
Máis, se envellecemos xuntos,
se desandamos o vieiro da vida
paso a paso,
mirarei nos teus ollos
o esvarar do tempo
inorde como un barco.
Se envellecemos xuntos
e desfago a madeixa dos meus días
ao teu lado
fareime confidente
do teu camiño sen pegadas,
do teu canto e do teu ánimo.
Compartirei o sal, o leito
e o abrazo,
saberei escuramente que o noso paso
polo mundo non é en van.
Se envellecemos xuntos,
se te acompaño neste tránsito,
deixarei bolboretas lenes
nas túas pálpebras cansas,
escoitarei repenicar a chuvia
nas xanelas da nenez,
sentirei a túa voz
esmorecer en calma.
Bastarame para entendelo todo
a ollada cómplice desa túa luza sen ansia.
Tendo en conta que eu non soi moito de poesías,esta chegoume a alma.Que maneira de expresar un sentimento como ese.Brillante.E aquí un comprador dese libro
ResponderEliminar