Este poema, gañador do certame de Ordes 2009, será un dos que se incluirá no libro. Agardo que vos guste.
"O DOCE SORRISO DA MIÑA NAI"
Miña nai criouse nun país que cheiraba a mortos,
a velorios silenciosos nos camiños,
con resaca de guerra e pan reseso,
cun diccionario acomplexado de sachos cansados,
paseando vacas anémicas polos campos,
das duras tardes recollendo argazo.
Miña nai naceu traballando,
e sentindo no alma o suor do avó,
que falaba da batalla do Ebro,
dos tanques de Teruel,
desa nación de pantanos e rosarios.
Os versos que o vello recitaba,
con sabor a dinamita e a piollos,
tatúado polos tempos da fame
de lobos ouveando, por un futuro
visiblemente escuro.
Ollando o ceo cuberto,
desde as fiestras do caldo probe,
do tabaco negro da desgracia.
Miña nai nunca quixo chorar diante dos fillos,
para evitar que as súas bágoas nos salpicaran,
e síntome inmenso cando pronuncio o seu nome,
agradecido por xurdir das súas entranas.
O seu doce sorriso, as súas mans flaxeladas,
son a brúxula que me orienta,
catapulta que me impulsa,
a continuar cos pés firmes no camiño.
Porque miña nai teceu o meu berce de soños,
e aprendín leccións de respeto e humildade,
cando se enfrontaba soa as pantasmas da vida,
cos seus pulmóns queimados no fogón dos días.
Este poema obtivo o primeiro premio do Certame Concello de Ordes 2009.
No hay comentarios:
Publicar un comentario