Nestas datas de arranque deste blog, recupero o prólogo que escribiu o escritor Manuel Rivas o meu primeiro libro "Os dentes da Noite"
“Un xinete na tormenta”
Xosé Manuel Lema pertence a ese tempo en que os poetas se peiteaban co vento e eran quen de ver pola néboa, cos ollos da luz que atravesa a vidraza. Ese tempo pasou e non pasou, así que non vos falo dunha ficción senón dun dos seres máis vivos que coñezo.
Entre outras bonanzas, ten Xosé Manuel a de ter a compaña dun druida (o irmán Rafael), un grupo de guerreiros(a banda de rock “Sobrekarga”, de Ponte do Porto), e todo un reino de cultura e natureza, alí onde campa a lenda: Nemancos, Soneira e Bergantiños. Témoslle lido poemas en “Blas Espín”, “O Aturuxo”(o magazine do instituto de Vimianzo) e tamén nun especial de “Luzes de Galiza”, adicado aos poetas da Costa da Morte. O que ten o lector nas mans é o seu primeiro poemario completo.
Por este sinal sabemos que alguén vén dunha estirpe de inesquecibles bardos, desde o paisano Pondal a esa rosa ferida que foi o galés Dylan Thomas ou o rebelde Brendan, vendo a traverso da néboa de Baile Átha Cliaith.
Ten algo a poesía, ese arte fermosamente inútil, de aposta tola ao longo do tempo. Baixo a treboada, botan faiscas as palabras. Estraña cousa, estraña irmandade, tan forte como o sangue.
¿Quen é ese xinete na tormenta?
Lema chámase. Dos de Nemancos. Peitéase co vento.
MANUEL RIVAS
"Os Dentes da Noite" publicouse en Ediciós do Castro no ano 1993
ISBN 84-7492-669-6
No hay comentarios:
Publicar un comentario