lunes, 12 de noviembre de 2012

Prestige


Dez anos despois da marea negra do Prestige.





Este 13 de novembro reanúdase o xuizo polo Prestige. Xusto unha década despois daquela inmensa catástrofe, aínda está por determinar o veredicto da xustiza. Unhas cantas voltas dou este proceso. Os papeis amontóanse e seguen correndo ríos de tinta sobre un tema que deberá repartir responsabilidades. Hai varias persoas sentadas nas bancadas dos acusados e aínda dúbidas por aclarar. Despois de tanto tempo xa se fai necesaria escoitar a voz da xustiza. E  a verdade que certos retrasos non se entenden.


Pero tamén, dez anos despois a sociedade civil non esquence aquel mes de novembro negro. Aquel vello barco chamado Prestige que rachou a nosa tranquilidade e encheu de chapapote as nosas costas. E tamén de xornalistas de todo o mundo e voluntarios que coma formigas brancas traballaron para loitar contra a contaminación. Contra o negro destino que se pegaba as rochas e se mixturaba coa area.

O Prestige, capitaneado por Apóstolos Magouras,  supuxo unha dura catástrofe ecolóxica. Houbo dúbidas nos políticos, houbo medo na poboación. O vello barco gomitou 60.000 toneladas de fuel. Estirou un manto de traxedia por unha costa máis da morte ca nunca. Contaminación. Un cuarto de millón de aves mortas. Flores murchas. Pescadores en paro forzoso. Unha historia tremendamente triste. Cenários de desolación e inquedanza.

A mín a noticia sorprendeume na redacción dunha emisora de radio en Santa Comba. Lembro que sentín un golpe no peito cando recibín unha chamada. Despois foi todo coma un pesadelo. O avanzar da mancha negra. Eu vin os primeiros efectos do fuel maldito, en Santa Mariña do Tosto (Xaviña) na mañá do sábado 16 de novembro, acompañando ao meu irmán. Foi un momento espiritualmente dramático. As correntes mariñas arrastrando ese castigo do Prestige. Un drama que logo fomos documentando por diversos portos e praias. Era o principio dunha historia patética, de certa indefensión e impotencia.

Dez anos despois daquela catástrofe aínda non teño claro que mañá mesmo poida volver a pasar algo parecido. E iso é algo que realmente preocupa. Outra marea negra é posible.

No hay comentarios:

Publicar un comentario