lunes, 20 de agosto de 2012

Agosto de gaivotas asasinas


Un novo post neste mes de agosto.
@xmlema

Aquel fora un verán moi caloroso. Notárase bastante no consumo. Os camións deixaban barrís de cervexa e caixas de refrescos nos bares, e os xeados fuxían das neveiras a un ritmo desenfreado.As praias cheas de homes e mulleres. Nenos correndo, construíndo castelos con bandeiras de felicidade. Homes en bermudas multicores deixando pegada nas autopistas de area. Corpos deitados, almas entregadas ao mar. Crónica dun verán nun pobo costeiro.


Agosto tiña unha metralleta que disparaba refagas amarelas desde o ceo azul. Como un pincel que decoraba a pel morena. Como un látego que castigaba os lenzos pálidos dos humanos. Pero ninguén quería perderse o verán e todos camiñaban cara aquel mar, interpretando a súa rumorosa partitura, nas frautas dun Hamelin salgado.


Ninguén pensou que as gaivotas chegarían a rebelarse. Atacaron a un ancián que lía o Reader´s Digest, nunha cadeira. Un peteirazo no peito, outro na cabeza. Así empezou unha tarde de trinta graos a vinganza  desas aves. Descendían desde as alturas, e presas da esquizofrenia máis delirante, agredían as xentes que habitaban aquela praia.A histeria colectiva converteuse en tinta de xornal. Cámaras de televisión. Ata que a próspera vila se converteu nun lugar Pantasma. Chegaron os militares. 


Baixaron os socorristas das torres de madeira onde vixiaban a zona, e subiron soldados con escopetas de mira telescópica. Foron días de disparos contra  as gaivotas asasinas, que se multiplicaban como parte dunha praga bíblica. Durante un tempo a praia  e o pobo quedaron baldeiros. Francotiradores apoiados nas fiestras. As gaivotas comezaron a caer coma moscas. Pero había moitas. A operación levou o seu tempo. Necesitou a súa ración de pólvora e ruído. De fume maldito e cruces de sangue nos ceos, que semanas antes, acollían as miradas relaxadas dos amantes estirados sobre a inocente area do destino.


No hay comentarios:

Publicar un comentario